Investigación en emprendemento
A Red GEM España celebra a súa décimo cuarta edición do workshop de investigación baseado en GEM, mentres que a Sección de Función Empresarial e Creación de Empresas de ACEDE o seu noveno workshop. Xa que ambas entidades celebraron de maneira conxunta as súas catro últimas edicións desta xornada de traballo, Santiago acolle o V Workshop Internacional de Investigación en Emprendemento GEM- ACEDE.
Educación en emprendemento
Celébrase ao mesmo tempo a VI Conferencia sobre Educación para Emprender (CEE’2020). Unha iniciativa que comeza no 2015 da man do Instituto Pedro Nunes de Coimbra para recoller experiencias e prácticas no ámbito da educación para o emprendemento. Tralas últimas edicións de Aveiro e Porto, celébrase por primeira vez en España, procurando a máxima interacción entre as participantes para favorecer a xeración cruzada de ideas e experiencias entre docentes e investigadores dos dous países.
A investigación en emprendemento medrou de maneira exponencial nas últimas décadas, consolidándose como un campo de estudo con autonomía propia ao tempo que a actividade emprendedora amosaba a súa capacidade no impulso da innovación e o desenvolvemento económico dos territorios. Por iso é unha prioridade das políticas públicas en todos os países e un motivo de sinerxía entre o sector empresarial e as institucións académicas.
En momentos de incerteza como o que estamos a vivir neste 2020, a iniciativa emprendedora cobra especial relevancia. Os avances e estudos relativos a este ámbito, tanto no eido da investigación como no docente, que poidan contribuír a dar pautas de actuación no que é o momento máis complicado da historia mundial recente constitúen un reto en todos os ámbitos da economía.
Por todo isto Santiago de Compostela acolle o vindeiro mes de setembro un encontro internacional no que se celebrarán simultaneamente dous eventos centrados no proceso emprendedor e no que participarán investigadores e docentes de España e Portugal, permitíndonos abordar un gran reto: facilitar que a nosa comunidade científica poida presentar e debater de maneira conxunta –presencial ou en remoto– medidas, accións e propostas para axudar o ecosistema emprendedor.
Convidamos a docentes e investigadores de España e Portugal a compartir os seus traballos neste ENCONTRO IBÉRICO DE INVESTIGACIÓN E EDUCACIÓN EN EMPRENDEMENTO, no que buscamos unha visión global e complementaria sobre estas disciplinas que nos permita desenvolver sinerxías entre proxectos de investigación e experiencias educativas.
Este será, sen dúbida, un evento especial: os retos que nos toca afrontar neste convulso inicio de década son os que marcarán de forma determinante o noso futuro no eido do emprendemento.